Friday 03 de May de 2024

O Concello avanza nas obras de renovación da biblioteca e informa do peche temporal da sala da planta alta


· Manterase activo o servizo de préstamo a domicilio e a lectura de prensa nunha zona habilitada.

O Concello de Ortigueira avanza nas obras de renovación da biblioteca municipal Juan Fernández Latorre, ás que dedica 200.484 euros, enmarcados no Plan Único provincial. Con motivo dos traballos que se están realizando nas instalacións, o Concello sinala que desde hoxe, luns 21 de marzo, a sala da planta alta do inmoble permanecerá pechada.

A biblioteca manterá activos o servizo de préstamo a domicilio e a lectura de prensa en sala na zona habilitada. Durante este período a biblioteca abrirá os luns, mércores e venres en horario de 10:00 a 13:30 horas e os martes e xoves de 10:00 a 13:30 horas e de 16:00 a 20:00 horas.

O proxecto de renovación da construción modernista permitirá mellorar a impermeabilización, a carpintería, a canalización de pluviais e a estética do edificio. Unha actuación fundamental nun lugar que acolle ao longo do ano diversos obradoiros e actos que dinamizan este espazo, moi utilizado pola cidadanía ortigueiresa e un dos epicentros da vida cultural da vila.